viernes, 19 de enero de 2018

SUPERAREMOS A PRIMEIRA PROBA DO SEÑOR DO TEMPO?

A principios desta semana o Señor do Tempo deixounos un novo reto a superar se queremos conseguir o primeiro selo e así, pouco a pouco, desfacer o feitizo que botou sobre a nosa escola. Como ben sabedes, a nosa misión era descubrir onde se atopa Exipto. Así que como non podía ser doutra maneira, durante estes últimos días manipulamos globos terráqueos, bólas do mundo, mapas... Ademais, vimos varios vídeos e comezamos a analizar os diferentes libros de información que temos na aula para facernos expertos no tema. Xa completamos os datos que nos pediu o noso novo amigo, e hoxe decoramos a bandeira deste país. Aquí nos tedes en pleno proceso:


E aquí tedes a bandeira exipcia que decorou a nosa encargada de hoxe, Martina:


Esta tarde, na nosa alfombra, deixamos unha caixa preparada con todo o que fixemos durante esta semana para saber máis sobre a localización do Antigo Exipto, esperemos que ao Señor do Tempo lle guste e nos deixe o primeiro selo e unha nova misión!

Iso si, do que estamos convencidos é de que o Señor do Tempo estará encantado con tódalas novas aportacións das familias, que nos axudarán moito a saber máis sobre esta antiga civilización. 

Roi ampliou o noso recuncho do Antigo Exipto con este globo terráqueo interactivo que nos dará nova información sobre o país actual. Moitas grazas compañeiro!

Brais mostrounos esta gran pirámide exipcia! Fantástico compañeiro!

Zaira ensinounos o debuxo dun antigo sarcófago exipcio. Precioso compañeira!

Mario trouxo esta fantástica pirámide, con sarcófago incluído, ademais dun pendrive cun montón de vídeos que nos axudarán a saber máis sobre o Antigo Exipto! Grazas compañeiro!

Martina chegou á aula con este gran dromedario, un dos animais característicos do deserto do Sáhara! Grazas compañeira!

Álvaro, o irmán da nosa compañeira Lucía, deixoulle estas figuras exipcias para botarnos unha man coas misións e así seguir aprendendo sobre esta civilización. Moitísimas grazas!

Naia mostrounos unha cabaza á que transformou en momia como se fose a mesmísima raíña de Exipto. Ademais, trouxo un libro de información idéntico ao que nos regalou o Señor do Tempo, así que, como non podía ser doutra maneira, o da nosa aula prestámosllo aos nenos e nenas de 5 anos para que eles tamén sigan aprendendo desta civilización. Moitísimas grazas compañeira!

Brais ensinounos un libro de información sobre Cleopatra, unha das raíñas exipcias máis coñecidas, e tamén un álbum ilustrado con xogos e curiosidades sobre o Antigo Exipto. Grazas compañeiro!

Lucas trouxo un par de coleccionables sobre o Antigo Exipto con interesantes imaxes e unha información que nos será de moita utilidade. Moitas grazas compañeiro!

jueves, 18 de enero de 2018

ANIVERSARIOS DE DECEMBRO E XANEIRO!

No día de hoxe estivemos de celebración! Os nosos compañeiros Lucas e Nizar fixéronse maiores durante as vacacións de Nadal, un en decembro e o outro en xaneiro, e xa teñen 4 e 5 anos, respectivamente! Aquí os tedes coas súas coroas e as súas chapas conmemorativas no noso marco dos aniversarios!




Por suposto, tódolos Pondaliñ@s os felicitamos, e aquí estamos con Teo, que tamén se quixo unir á nosa celebración!


Xa nos nosos lugares, cantámoslle o "Cumpleaños feliz" mentres Lucas e Nizar sopraban as súas velas de aniversario!


Despois disto, o que tocaba era encher as nosas barrigolas cunha saborosa tarta de galleta e chocolate!





Iso si, os Pondaliñ@s non fomos os únicos invitados a esta celebración. A mamá de Lucas e a mamá e a irmá de Nizar tamén quixeron compartir este momento con eles!



Moitos parabéns e a cumprir moito máis! Agardamos que vos gustasen os nosos agasallos!

martes, 16 de enero de 2018

O SEÑOR DO TEMPO: ONDE ESTÁ EXIPTO?

Esta mañá, a nosa alfombra apareceu desta guisa... O Señor do Tempo tiña un novo encargo para nós! Utilizou a caixa que trouxo o noso compañeiro Roi para gardar moitas cousas no seu interior: un globo terráqueo, un mapa, unha bandeira e... os nosos pasaportes! Ademais, viña acompañado dunha nota que dicía así: "Os vosos pasaportes en regra están, mais se o primeiro selo queredes lograr, onde se atopa Exipto me tedes que contar". Así pois, a nosa nova misión é descubrir a localización desta gran civilización. Familias, se nos queredes botar unha man, xa sabedes que estamos máis que encantados de recibir calquera tipo de información na nosa aula!


Noa, a nosa encargada de hoxe, contounos que cos seus papás estivera buscando Exipto e Ponteceso nun globo terráqueo que ten na súa casa, e rapidamente identificou ambos lugares no noso. Así pois, decidimos poñer unha pequena estrela sobre Ponteceso e outra sobre Exipto para así contribuír na nova misión que nos puxo o Señor do Tempo.

Fixemos unha comparativa e descubrimos que Exipto se atopa máis préto de Ponteceso que o Polo Norte, o lugar no que vivían os esquimós que coñecemos o curso pasado. Tamén que Ponteceso se atopa máis ao norte (arriba) que Exipto, e que Exipto se atopa máis ao sur (abaixo) que Ponteceso. Aproveitamos este momento para pensar nos diferentes medios de transporte nos que podíamos viaxar a Exipto. Tiñamos claro o barco e o avión, pero poderíamos ir en coche ou en moto? Claro que si, tiñamos un camiño longo no que cruzamos tres continentes, pero tamén un moito máis curto, que foi o que máis nos gustou, xa que non sabíamos que existían grandes barcos chamados ferrys que levaban automóbiles no seu interior para pasalos dun continente a outro.

Así mesmo, aproveitamos o globo terráqueo e o mapa que nos enviou o Señor do Tempo para falar de planetas, continentes e países. Falamos e falamos, e chegamos á conclusión de que Exipto se atopa no planeta Terra e nun continente chamado África (agora temos que investigar se o caracol xigante africano vive en Exipto). Pola contra, aínda que Ponteceso tamén se atopa no planeta Terra, o noso continente é Europa e o noso país España. Aínda que estes sexan conceptos aínda moi abstractos para nós, a manipulación da bóla do mundo facilitounos moito esta aproximación á xeografía mundial.


Despois, falamos da bandeira exipcia, e das bandeiras en xeral, xa que si sabíamos que se colgaban de paus moi altos (chamados astas), pero non para que servían... Por suposto, coñecer este aspecto era clave para seguir avanzando na misión que nos propuxo o Señor do Tempo, e hoxe aprendemos que as bandeiras se utilizan, neste caso, para simbolizar un país. Así pois, cada vez que a vexamos, saberemos que esta está representando a Exipto. Grazas á información que nos proporcionou o Señor do Tempo, tamén sabemos que a súa cor vermella representa ao deserto do Sáhara, a cor branca ás raíñas e aos faraóns e a cor negra ao río Nilo. Estamos tan implicados neste proxecto que mirade de que se decatou o noso compañeiro Alejandro: na súa camiseta podiamos ver as cores da bandeira e Exipto!


Xa pola tarde, seguimos indagando no tema e vimos "El antiguo Egipto", un dos vídeos que nos trouxo a nosa encargada, no que aproveitamos para falar unha vez máis da localización de Exipto, e tamén para aprender novos aspectos sobre esta gran civilización!


Despois de tanto investigar, consideramos que xa estabamos máis que preparadas e preparados para facer a primeira das tarefas que nos encargou o Señor do Tempo: rexistrar de xeito escrito todo o aprendido no día de hoxe. Así pois, todos xuntos fomos "lendo" as peticións do noso novo amigo ("PLANETA", "CONTINENTE", "PAÍS"), enchendo os ocos baleiros coas respostas correctas, as cales fomos escribindo no encerado de maneira grupal. Aquí tedes a tarefa da nosa encargada:


SEGUIREMOS INFORMANDO!

lunes, 15 de enero de 2018

O NOSO RECUNCHO DO ANTIGO EXIPTO!

O pasado venres o Señor do Tempo propúxonos un novo encargo: crear o noso recanto do Antigo Exipto! Para identificalo, deixounos unhas letras que tivemos que decorar, ordenar e colocar no noso espello. Aquí nos tedes en pleno proceso:


E este é o resultado final. O noso recanto xa está esperando por tódalas aportacións que fagan as familias dos Pondaliñ@s durante o desenvolvemento do noso proxecto:


E falando de aportacións... Mirade canto indagamos e construímos coas nosas familias durante esta fin de semana. Impresionante!

Noa tróuxonos un pendrive con pequenas curtametraxes relacionadas co Antigo Exipto que aproveitaremos nas diferentes misións que nos vaia enviando o Señor do Tempo, e tamén unha película que comezaremos a ver este venres na nosa habitual sesión de cine! Moitas grazas compañeira!

Con Alejandro volvemos a ler a historia de "Simón en Egipto". Gústanos moitísimo! Grazas compañeiro!

Andrea chegou co libro de "Exipto misterioso", o mesmo que nos enviou a semana pasada o Señor do Tempo. Como tiñamos dous, decidimos prestarlle o que nos regalou o noso novo amigo aos nosos compañeiros e compañeiras de 5 anos, que tamén están recibindo cartas misteriosas deste Señor do Tempo que enfeitizou o colexio. Pouquiño a pouco iremos abrindo tódalas pestanas para descubrir moito máis desta civilización! Moitas grazas compañeira!

Brais mostrounos o seu sarcófago que contiña a momia dun faraón ou raíña exipcios! Grazas compañeiro!

Claudia ensinounos esta maqueta onde podemos ver un par de pirámides en pleno deserto do Sáhara, separadas unha da outra polo gran río Nilo. Moitas grazas compañeira!

Mariña chegou hoxe con esta gran pirámide que construiu coa súa tía Adriana! Grazas compañeira!

Aroa tróuxonos esta pirámide, con sarcófago e momia incluídos, xunto á que descansa un dos moitos camelos que habitan no deserto do Sáhara! Moitas grazas compañeira!


Martina deixounos ver o interior dunha gran pirámide, e grazas a ela descubrimos que ademais de momias e sarcófagos, tamén albergan un montón de labirintos e trampas para evitar que os ladróns rouben os tesouros das raíñas e faraóns! Ademais, gustounos moito ver como se escribía "Martina" con xeroglíficos exipcios e coñecer algúns símbolos importantes para esta civilización. Moitísimas grazas compañeira!

Lucía ensinounos a súa caixiña de Exipto, decorada con figuras exipcias, xeroglíficos, amuletos coma o Ankh, o Ollo de Horus, os escarabellos... No seu interior podíamos atopar unha momia feita cun rolo de papel hixiénico, un crocodilo saído dunha pinza da roupa e unha bonita pulseira de raíña exipcia. Moitas grazas compañeira!

Roi tróuxonos esta gran caixa exipcia cun faraón, xeroglíficos e numerosos símbolos exipcios na súa tapa. No seu interior contiña unha maqueta feita con Legos onde podemos ver a pirámide de Keops e a esfinxe de Giza en pleno deserto do Sáhara. Tamén vemos tres camelos e o gran río Nilo, rodeado de palmeiras e cactus, cun crocodilo e un barco no seu interior. Ademais, ensinounos tamén varias manualidades: unha momia, un par de crocodilos e unha serpe. Moitísimas grazas compañeiro!


Como vedes, xa tivemos que ampliar o noso recuncho cara o corredor, pero non importa, poñeremos as mesas que sexan necesarias se podemos contar con recursos tan xeniais coma estes para seguir aprendendo sobre o Antigo Exipto! Moitísimas grazas familias, sodes espectaculares!

Por certo, hoxe tamén coñecemos a un novo membro da familia real do País das Letras. Esta mañá chegou á nosa clase a Princesa I!

CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A MAMÁ DE ALEJANDRO!

Despois das vacacións de Nadal, no día de hoxe retomamos os nosos "Contos por bicos" e na nosa biblioteca recibimos unha visita moi especial... Esta tarde estivo con nós Cristina, a mamá do noso compañeiro Alejandro!

Contounos unha fermosa historia titulada "Perdido?", protagonizada por un pingüín que a todas partes segue a un neno. Este ve que o animal está triste, polo que pensa que se perdeu e quere volver ao Polo Sur. Cando chegan alí despídense, pero durante a volta á casa o neno dáse conta de que bota de menos ao seu novo amigo e volve buscalo. Este reencontro fainos moi felices, xa que o pingüín non estaba perdido, estaba só...


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou este conto! Por suposto, como agradecemento á mamá de Alejandro, enchémola de bicos e achuchóns! Volve cando queiras Cristina, estás máis que invitada!

jueves, 11 de enero de 2018

CORES DE EXIPTO!

No día de hoxe, nada máis entrar na clase, descubrimos que os nosos pasaportes desapareceran. Será que os levou o "Señor do Tempo" para comprobar que todo estaba correcto? Estamos un pouquiño preocupados... 

O que si atopamos foi que a súa caixa estaba chea de globos de cores, 105 concretamente. Menuda ilusión cando ao contalos vimos que sobrepasábamos o número 100! Decidimos xogar con eles, así que o primeiro que tocaba facer era repartilos para que todos tivésemos o mesmo número de globos. Despois de 4 quendas, vimos que só quedan 9 e non podíamos repartir máis porque non chegaban para todos, xa que 9 é menor que 24. (Dividimos sen darnos nin conta!) 

Feito isto, descubrimos que con tódolos globos tiñamos que crear camiños exipcios, pero... Cales son as cores de Exipto? Observamos todos os libros que nos enviou o "Señor do Tempo", e as cores que nas portadas predominaban eran o branco, o amarelo, o vermello, o laranxa e o azul. Así pois, clasificamos os globos que cada un tiña, quedando con aqueles que se corresponden coas cores de Exipto e descartando os outros.

Aproveitamos para dar renda solta á nosa imaxinación, e tamén á nosa lóxica, e xogamos a pensar. Por que eran esas as cores de Exipto? Estas foron as nosas conclusións:

  • Branco: Pola tea que envolve o corpo da momia.
  • Vermello: Pola sangue das momias cando morren.
  • Amarelo: Pola area do deserto do Sáhara.
  • Azul: Pola auga do río Nilo.
  • Laranxa: Pola cor das pirámides.

Así pois, xa estaba todo listo para formar camiños exipcios, polo que comezamos a seriar! Branco-Vermello-Amarelo-Azul-Laranxa! E cando descubrimos que se acabaran os globos brancos? Pois Vermello-Amarelo-Azul-Laranxa! E cando quedamos sen globos amarelos? Pois Vermello-Laranxa-Azul! E ao rematar os laranxas? Pois Vermello-Azul? E ao quedar sen azuis? Pois Vermello-Vermello! Cando a profe preguntou de que cor había máis globos non tivemos dúbidas: vermello. O mesmo ocorreu cando preguntou de que cor había menos: branco.


Aquí nos podedes ver xunto a tódolos camiños exipcios que creamos seriando cooperativamente de 2 a 5 elementos! Fixémolo tan ben que o "Señor do Tempo" nos regalou un globo a cada un para que xogásemos nas nosas casas e nos acordásemos del tamén fóra do colexio!


Pero esta non foi a única misión do "Señor do Tempo". Tamén tivemos que resolver unha adiviña! A profe léunola en alto e non tivemos ningunha dúbida sobre a resposta: EXIPTO! Frase a frase fomos destacando as palabras máis importantes e entre todos escribímolas no encerado para logo buscalas na nosa adiviña e facer un debuxo alusivo. O noso novo amigo seguro que está moi contento co resultado porque nos esforzamos un montón e cada día melloramos as nosas pinturas!

miércoles, 10 de enero de 2018

PASAPORTE A EXIPTO!

Esta mañá comezámola observando se o "Señor do Tempo" nos deixara algunha carta na súa caixiña. Comprobamos que estaba baleira, pero o noso compañeiro Alonso descubriu que alguén deixara un novo libro de Exipto na nosa mesa do proxecto. Sería o noso novo amigo? Pensamos que si...


Fainos moita ilusión recibir unha nova carta do "Señor do Tempo", así que hoxe decidimos rematar os nosos pasaportes, facendo máis colorido o seu interior e creando a súa portada. Aquí nos tedes esta tarde en pleno traballo:


Cos nosos pasaportes listos, a última misión que nos deixou o "Señor do Tempo" estaba rematada. Aquí podedes ver o pasaporte do noso encargado de hoxe:



Ademais, o "Señor do Tempo" estará moi contento porque as primeiras aportacións das familias comezan a chegar, e grazas a elas poderemos aprender moito máis sobre o Antigo Exipto. Aquí tedes a Brais co debuxo dun sarcófago que creou e decorou coa axuda do seu papá, e que nos axudou a recordar que neles se gardan as momias, e que estes repousan no interior dunha pirámide. Tamén podedes ver a Lucía, que na tarde de onte visitou a biblioteca municipal cos seus papás e tróuxono o conto de "Simón en Egipto". Esta tarde non tivemos tempo de lelo, farémolo mañá despois das rutinas, pero vimos as imaxes e este libro axudaranos a coñecer novos aspectos da cultura exipcia e aprender moito vocabulario descoñecido para nós.


Pero Exipto non foi o único protagonista da nosa xornada, hoxe tamén lle dedicamos un tempo á lectoescritura, recordando e reproducindo a grafía "u" e "a" e construíndo palabras no maletín das letras que estreamos hoxe despois das rutinas do encargado!