CADROS CONCRETOS E ABSTRACTOS MOI CARACOLEIROS!

Esta mañá volvemos á aula despois da fin de semana, e alí puidemos comprobar moitas cousas con respecto aos nosos caracois: cada día están máis grandes; encántalles a cenoura e o tomate (non deixaron nadiña e as súas cacas eran marróns, laranxas e vermellas); as acelgas de Andrea tamén tiñan buraquiños, polo que un gomet verde foi parar ao noso rexistro; dous deles pasaron o día cos seus corpos pegados, será que son un macho e unha femia que queren poñer ovos?; e moito máis!

No día de hoxe a encargada de alimentalos foi Aroa, e aquí a temos con leituga e berzas para os nosos caracois! Ademais, probamos a poñerlle area da que nós usamos para escribir no solo do noso caracolario... Gustaralles tanto como a terra? Estaremos observando para comprobalo!


E falando de escribir, hoxe coñecemos ás minúsculas, esas letras que utilizan os nenos e nenas maiores para escribir. Desprazámonos ao País das Letras e coñecemos ao Señor Estudoso, do que nos faremos moi bos amigos. Ademais, tamén nos presentou ao primeiro habitante deste país. Hoxe coñecemos ao Rei U! Conforme vaiamos avanzando na grafía da letra "u" coñeceremos a máis habitantes... Pasiño a pasiño, con calma e paciencia! Iso si, recordade que para todo o demais seguiremos usando a letra maiúscula e a escrita espontánea!



Xa para rematar o día, continuamos cunha conversa que iniciamos a semana pasada grazas ao "Caracol" de Matisse... Por que hai cadros nos que vemos claramente o que o autor debuxa, e noutros só observamos formas ou manchas e temos que imaxinar nós o que alí se ve e entender por que o pintor lle dou un título determinado? Así pois, descubrimos que existen dous tipos de cadros: os concretos e os abstractos. Aínda que son uns nomes un pouquiño complicados, pouco a pouco quedarémonos con eles. Para entendelo moito mellor, puxémonos mans á obra. Fixemos dous cadros, a nosa intención era mostrar un caracol en ambos, pero a maneira de plasmalo foi moi diferente... Todo isto inspirándonos en Matisse, por suposto. Mirade, mirade! 

Comezamos polo noso cadro concreto. A semana pasada xa pintamos con témpera e pincel o pé e os tentáculos do noso caracol. Hoxe, aproveitando os recortes que nos sobraron dos manteis, e que se parecen moito aos que usaba Matisse nas súas obras, decoramos a súa cuncha. Amodiño pola espiral! Ao finalizar, ninguén dubidou de que o que alí se atopaba era un caracol.





Cando rematamos, decidimos crear o noso cadro abstracto. Deixamos voar a nosa imaxinación e démoslle renda solta á nosa creatividade para construír o noso particular caracol. Sen ningún tipo de directriz, completamente libres. Aquí nos tendes ben concentrados! De aquí saíron verdadeiras obras de arte!





Coa creación destes cadros, ademais, desenvolvemos a nosa motricidade fina. Porque isto de ir pegando papeliño por papeliño non é tan fácil como credes. Ademais, serviunos para seguir incidindo na tolerancia á nosa frustración, porque algúns de nós enfadámonos un chisco cando o pegamento se nos quedaba nos dedos e logo todo se pegaba a eles: os papeis, a cartolina, a mesa... Era tan fácil como limpar as nosas mans, non facía falta enfadarse!

Aquí tedes o resultado final, iso si, isto non vai quedar así. Xa veredes...


Comentarios

  1. Andrea nada mais salir do bus xa me dixo que pintara con pincel. Viña super contenta. Grazas por traballar tanto cos nosos nenos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Alegrámonos de que vos guste o que facemos na aula 😊

      Eliminar
  2. Naia dixo q os caracoles escaparon jajajajajajaj q gracia me fixo esta moi contenta e hoxe q non fui Pq esta moi acatarrada e Non durmiu mandoume facerlle contás para sumar, sodes geniales

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. JAJAJAJA, dille a Naia que os caracois están perfectamente! Tanto os do caracolario coma os que fixo ela, que a están esperando na aula para cando volva! 😂 Non vos preocupedes, o importante é que se recupere 😊 E se pide sumar, escribir, recortar, contar, ler, colorear ou o que se lle ocurra, xa sabedes... APROVEITADE! 👏👏👏

      Eliminar

Publicar un comentario