CARACOIS, CARACOIS E MÁIS CARACOIS!

Esta mañá, unha vez máis, limpamos o noso caracolario. Quitamos as cacas, tamén o fiuncho e as follas mordisqueadas, e Alonso, o noso encargado de onte, trouxo novos alimentos para os nosos caracois: unha cenoura e un par de pementos. Tamén Xabi quixo alimentalos!



No día de hoxe, ademais, avanzamos un pouquiño no noso "Libro dos caracois". Aquí nos podedes ver recortando as pezas dun quebracabezas que posteriormente armamos de maneira individual.





Así mesmo, o noso recanto dos caracois vaise enchendo cada vez máis...

Grazas a Noa averiguamos que Matisse creou un cadro chamado "O caracol", e observando e observando intentamos entender por que o noso pintor favorito lle deu ese nome. A nosa compañeira recreouno coa axuda da súa mamá, e nós tamén teremos que facer algo na aula, non credes?

Andrea mostrounos un mural cheo de información sobre os caracois. O que máis nos gustou foi descubrir que estes animais son hermafroditas... E que significa esta palabra tan complicada de pronunciar? Pois que durante a primeira etapa da súa vida os caracois son machos, pero máis tarde convértense en femias. Igualmente, aprendemos o que deben facer para aparearse: pegarse un caracol que nese momento sexa macho cun caracol que neses intres sexa femia. Só desta maneira poñerán ovos nun buraco na terra, ovos dos que sairán as pequenas crías de caracol que no día de onte nos mostrou a nosa compañeira Marta. 

Roi ensinounos a preciosa manualidade que fixo coa súa mamá. Desta vez a cuncha do seu caracol é un CD no que lle pegaron un montón de pompóns de cores. Fantástico!

Lucía compartiu con nós os preciosos debuxos de caracois que decorou coa súa mamá e o seu irmán Álvaro durante unha tarde soleada de outono. Mirade que bonitos lle quedaron!

Zaira chegou cun libro de caracois, grazas ao que puidemos descubrir un pouquiño máis sobre a cuncha destes animais! Xenial!

Ata aquí a reportaxe de hoxe, seguiremos informando!

Comentarios

  1. concentradísimos cas suas tixeiras jijijij,queda un tema dos caracois que inda nadie tocou...xa leva hoxe Roi jijijij

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A ver con que nos sorprende 🤔 Descubrirémolo esta tarde despois da clase de English! 😉

      Eliminar

Publicar un comentario