COMO SE ESCRIBE CARACOL?

Como ben sabedes, durante este curso os Pondaliñ@s de 4 anos iniciarémonos no trazo da minúscula, pero tamén faremos algo moito máis importante: APRENDER A ESCRIBIR!

Para iso faremos uso da escritura espontánea, ou como nós o entendemos: "escribir como nós sabemos". En 3 anos aprendemos a copiar palabras do encerado e a escribir as letras que compoñían unha palabra e que a mestra ditaba, pero este ano que xa estamos en 4 somos tan maiores que xa seremos nós os que escribamos calquera palabra!

Aínda que o curso pasado xa comezamos a facer isto de maneira oral no encerado todos xuntos, hoxe, por ser a primeira vez, fixémolo de xeito individual coa mestra. Tomámolo coma un xogo onde a profe dividía a palabra en sílabas e insistía nos sons de cada unha delas, nós asociábamos eses sons a unha ou varias letras e escribíamolas no papel. Durante estes primeiros días seguirémolo facendo así, pero moi pronto seremos nós soíños os que debamos pensar nos sons de cada palabra e trasladalos a papel de maneira escrita.

Sempre que os nenos e nenas o pidan, poderemos fomentar a escrita espontánea de palabras significativas para eles e elas desde as nosas casas: con papel e lapis, encerado e xiz ou rotulador, letras móbiles, pinzas e corda, tapóns enroscables, escritura en area, fariña, pan raiado... E todo o que se lles ocorra!

Ler e escribir, igual que camiñar ou falar, é un longo proceso que pasa por varias fases, pero só aprenderemos a escribir escribindo e, sobre todo, respectando os nosos ritmos de madurez e de aprendizaxe. No día de hoxe, despois de atopar a solución á nosa adiviñanza, todos quixemos participar e escribir a palabra "CARACOL", polo que para ser a nosa primeira vez, fixémolo estupendamente ben!


ESCRITURA ESPONTÁNEA: CARACOL

Ademais, aproveitamos para contarvos que xa temos máis caracois no noso caracolario grazas a Noa e Lucía. Os de Naia introducirémolos mañá, xa que queremos ver se lles ocorre algo ao non ter comida durante un día. E falando de comida, queremos informar de que o encargado de cada día deberá traer da súa casa algunha froita ou verdura que pense que lle vaia gustar aos nosos caracois, para comprobar como é alimentación destes animais. Estade atentos ás axendas!



Tamén queremos darvos outra noticia! O noso compañeiro Alejandro xa se operou e hoxe quixemos mandarlle uns agasallos para que se recupere e para que non se esqueza nin de nós nin dos caracois. Gustaríalle o conto e o caracol de plastilina que lle enviamos? Seguro que si! Os Pondaliñ@s de 4 anos mándanche un bico e un abrazo moi grande! Volve pronto!

Comentarios

  1. vexo que o fan genial! e seguiremos os teus consellos!! que detalle mas bonito con Alejandro que seguro esta deseando volver !!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Na miña opinión, a escrita espontánea é un método moito máis motivante, instructivo e respetuoso para os nen@s que repasar puntitos e memorizar que "P" con "A" se le "PA". Dálle unhas semanas e xa verás como Roi comeza a querer escribir todo canto ve
      😊

      Eliminar
  2. Q ben o estan facendo e a vez aprendendo moito. O detalle de Alejandro e moi bonito. Seguro que quere volver pronto o cole.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para iso veñen ao cole, para aprender, pasalo ben e mellorar cada día 😊

      Eliminar
  3. Esta encantado co seu caracol azul (que e o seu color preferido) e co conto que non o suelta xa dixo ainda estou maliño pero cando me poña ben vou o cole, gracias a todos en nada estamos ahi dando guerra

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Os Pondaliñ@s sabemos da súa predilección pola cor azul, non foi casualidade 😂 Alegrámonos moito de que lle gustase a historia do Caracol Col Col 👏 A seguir recuperándose e a volver moi pronto coas pilas cargadas 😘

      Eliminar

Publicar un comentario