QUE FIXEMOS CO MILLO QUE DEBULLAMOS?

Como ben sabedes, o pasado venres debullamos millo, e esta mañá seguimos mellorando a nosa motricidade fina cunha nova actividade que formará parte do noso "Libro dos caracois". Gran a gran formamos as pegadas destes animaliños. Aínda non rematamos, é un traballo moi laborioso, pero xa continuaremos mañá... Pouco a pouco!





E falando de caracois, esta mañá moi emocionados descubrimos os ovos que puxeron os nosos novos compañeiros de aula! Iso si, como comprobamos nun vídeo e nun libro de información, os caracois precisan de moita terra para poder meter os ovos nun buraquiño e logo tapalos, senón, non nacerán. Como nun par de semanas queremos contar con novos caracois no noso caracolario, botamos máis terra, para que se poidan cubrir!

Ademais, descubrimos tamén que os grelos, o aloe vera, os puerros, as coles de bruselas e as uvas chinas son do agrado dos nosos caracois. O que non lle debe de gustar son as xudías e o perexil, xa que non rasparon nada deles coa súa rádula. No día de hoxe volverán a poñerse as botas coas cenouras que desta vez lles trouxo Izan.


Como vedes, o noso recanto dos caracois vai medrando pouquiño a pouco. Medra tanto que as cousiñas máis grandes tivémolas que expoñer no corredor, xa que na clase non nos queda ningún sitio libre para colocalas!

Hoxe, a nosa cortiza tamén aumentou cos debuxos de Hugo, Leila e Aroa!




Ademais, a nosa compañeira Lucía tróuxonos un montón de caracois que construiu e planchou coa súa mamá. Fixéronos con "Hama Beads". Mirade que chulos!


Xa para finalizar, dicir que seguimos abordando o tema dos incendios na aula de 4 anos, desta vez en Atención Educativa. Esta tarde, mentres os demais compañeiros e compañeiras permanecían na aula coa profe Pilar, Roi e Nizar visitaron a biblioteca coa profe Rocío, e os tres xuntos pensamos en todo aquilo que o lume queimaba: montes, árbores, casas, animais... Decidimos debuxalo nun folio vermello, como as lapas que asolagaron Galicia, xa que por moito que nós coloreemos con outras cores, sempre se verá esta cor, igual que se ve o lume cando arde. Por suposto, estes debuxos tamén foron parar ao noso corredor para que todo aquel que pase por el saiba que nós non apoiamos que a xente queime os nosos montes.


Comentarios