RUTINAS, DECENAS E CARACOIS!

Fai practicamente un mes que entramos na aula de 4 anos e que, polo tanto, estreamos novas rutinas. Fómolas integrando paulatinamente no noso quefacer de cada mañá, xa que estas son un pouquiño máis complexas que as do curso pasado... Agora que xa as coñecemos á perfección, aquí volas explicamos! Como vedes, a nosa encargada de hoxe foi a nosa compañeira Lucía!


Coma sempre, o encargado ou encargada do día cambia a fotografía dun Teo multicolor e colócaa no seu nome. Ao mesmo tempo, escolle a medalla da cor coa que nese día se identifique e explica por que se sinte así. Ademais, para que a ninguén se nos esqueza, escribe o seu nome no noso pequeno encerado.

Logo, comprobamos os compañeiros e compañeiras que faltan, e colocamos unha pinza da cor correspondente á súa mesa na corda da casa. Seguidamente, contamos as nenas, os nenos e o total de alumnos e alumnas que se atopan na aula e colocamos o número correspondente. (Aínda cun pouquiño de axuda) Facemos o mesmo cos que se atopan na casa, mais desta vez si sumamos xa que son cifras moito máis pequenas. Primeiro coas nosas mans; logo, coas mans de goma-eva que nos fixo a mamá de Roi; e por último, escribimos a suma no noso encerado. Unha vez feito o reconto, saudámonos coa canción de "Moi bos días!".

Feito isto, abrimos o ovo correspondente ao día de hoxe, saudamos ao animal que alí se agocha e recordamos os días da semana coa canción de "Sol soliño". Tamén contamos e recoñecemos as letras do día que toca e, por suposto, o seu son. Botamos un ollo pola fiestra para ver cal é o tempo de hoxe e colocámolo no noso ovo. Ademais, recordamos o mes no que estamos, identificamos as súas letras e o seu son. Igualmente, recitamos tódolos meses e tamén recordamos o ano no que estamos, identificando os seus números. Así mesmo, falamos da estación na que nos atopamos e dalgunhas das súas características principais.

Despois disto chega o calendario que apareceu na nosa clase o primeiro día de outubro... Ata hoxe resultounos moi fácil porque só tiñamos que colocar os números que xa coñecíamos, pero hoxe xurdiunos unha dúbida... Como se escribe o número 11? A profe xa non nos vai dicir nunca máis iso de "o un co un". Pouquiño a pouco e con moita calma e paciencia adentrarémonos no mundo das decenas e unidades... Explicámosvos o que fixemos hoxe para descubrir como se escribe este número!

Primeiro, Lucía debuxou 11 boliñas no noso encerado. Como xa levamos uns días traballando o concepto de decena, agrupando de dez en dez diferentes obxectos e recoñecendo a súa grafía, ela soa meteu nun saco vermello 10 boliñas. Así pois, xa tiñamos unha decena, e así o representamos no ábaco do noso encerado. Tamén atamos cunha goma vermella dez depresores linguais vermellos. Por suposto, escribimos o número 1 (porque só temos unha decena) con xiz vermello no noso encerado. (Porque o vermello será a cor das decenas) E quedaba algo? Si, unha boliña quedou solta, xa que ben sabemos que nada que non sexa 10 podemos meter en sacos ou atar con gomas. Todo o que queda solto son as unidades. Nesta ocasión só quedou unha unidade, e por suposto, representámola no ábaco, cun depresor lingual azul e escribindo o número 1 (porque só temos unha unidade) con xiz azul no noso encerado. (Porque o azul será a cor das unidades). Como vedes, este é un proceso complexo, pero que pouquiño a pouco iremos asimilando na aula de 4 anos a través do calendario e outras actividades. Sen présa pero sen pausa, aínda nos quedan dous cursos de Infantil por diante, e moitos máis de Educación Primaria para afianzalo!

Xa para rematar, recordamos a merenda que toca no día de hoxe e tamén o mestre ou mestra que nos visitará ese día. Por último, ordenamos os números do 0 ao 10, e cando vaiamos coñecendo máis o mundo das decenas, do 0 ao 20. Porque do 16 en diante é moi fácil recordalos, a mesma palabra nolo di, pero o 11, o 12, o 13, o 14 e o 15 sonche un pouco trampulleiros... Ademais, podedes ver que queda un oco baleiro na nosa parede das rutinas. A partir do mes de novembro, porque para isto utilizaremos tamén os días do calendario, seguiremos incidindo nas unidades grazas a unhas casiñas de descomposición coas que coñeceremos moito máis os números do 0 ao 9, e onde faremos unha das actividades que máis nos gustan: sumar!

Despois das rutinas, sempre facemos algún xogo grupal na alfombra ou algún traballiño nas nosas mesas... Isto depende do día, pero o que sempre facemos é estar pendente dos nosos caracois. Hoxe, o noso compañeiro Hugo tróuxolle un festín de comida aos nosos amigos... Aquí o tendes con aguacate, brécol, caqui, kiwi, mango e uvas, as favoritas do Rei U. Iso si, hoxe descubrimos que a gran maioría de nós non coñecía algunha destas froitas. Será que na aula teremos que facer unha degustación para descubrir o seu sabor? Pensamos que si...


Ademais, a nosa compañeira Zaira tamén trouxo un novo caracol, e con el un pouquiño de herba que seguro que lle gustará moito aos nosos novos compañeiros de aula.


Tamén outros compañeiros e compañeiras nos mostraron cousiñas sobre caracois...

Hugo tróuxonos un peluche de Gary grazas ao que repasamos as partes do caracol (cuncha, tentáculos, rádula, pé...). Ademais, lemos o conto de "O caracol Remoldiño". Gustounos moito!

Lucía mostrounos unhas cunchas baleiras de caracol e tamén nos trouxo un conto que conseguiu na biblioteca municial. Titúlase "Que susto!" e forma parte da colección "Caracois" da editorial OQO. A profe xa conseguiu todos os contos para a aula porque son uns libros curtiños e moi divertidos, pero por suposto lemos o que nos trouxo a nosa compañeira. Menos mal que a Caracol e Caracola non lles pasou nada!

Por último, Roi ensinounos os seus debuxos de caracois que fixo nunha tarde de moito traballo. Ademais, tróuxonos unha crema de baba de caracol que xa probamos nas nosas mans. Era moi suave e ulía moi ben. Nos próximos días coñeceremos algunha das súas propiedades!

E por hoxe nada máis, a descansar e pasalo moi ben durante o día festivo! Vémonos venres!

Comentarios

  1. Dios como trsballan estes peques

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para iso veñen ao cole, e ademais pásano ben 😊

      Eliminar
  2. Cantas cousas fan o dia. Eso e genial.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois isto non é todo, facemos máis cousiñas, pero non podemos sacarlle foto a todo 😉

      Eliminar
  3. Non sei si ir desayunar eu con eses caracois..que de cousas ricas jijijijie que de cousas aprenden!! moi ben pola profe!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estes caracois viven moi ben que os coidamos estupendamente! 😂

      Eliminar

Publicar un comentario