SEGUIMOS APRENDENDO DOS CARACOIS GRAZAS A...

Esta mañá aprendemos a limpar o noso caracolario. Quitamos as follas de moreira que os nosos caracois xa mordisquearon e tamén as súas cacas. Porque os caracois fan moita caca! Despois disto, Noa, a encargada de onte, tróuxolle alimento aos nosos caracois: un pouquiño de fiuncho e algunhas follas. Vese que aos caracois lles gustou bastante a súa nova comida porque hoxe non todos subiron á tapa escura, senón que algúns estiveron pegados ás paredes do caracolario e tamén permaneceron sobre as plantas que trouxo a nosa compañeira. Ademais, a profe contounos que onte estivo bastante tempo no cole e viu como pola tarde os caracois iban baixando cara a terra... Será que lles gusta máis a noite que o día?


Igual que tódolos días, crece a familia que habita no noso caracolario. Naia, Lucas e Marta trouxeron novos caracois. Os desta última eran caracois recén nacidos, moi moi pequeniños e, como lemos nalgún libro, o seu corpo practicamente transparente. Medrarán? Estaremos atentos!




Estamos tan motivados con estes animaliños que ata pasamos o recreo con eles!


Entre unha cousa e outra fixemos as rutinas, un par de xogos e tamén algún traballiño. Un pouquiño antes de marchar, a profe leunos o conto de "Caracol Col Col", o mesmo que lle enviamos ao noso compañeiro Alejandro para que se recuperase e volvese moi pronto ao cole.



Despois disto, os nosos compañeiros e compañeiras mostraron o material que trouxeron das súas casas para o noso recuncho dos caracois! Como estaba a punto de tocar o timbre de saída non puidemos mostrar tódalas aportacións, pero xa mañá seguimos con elas e outras máis!

Lucas trouxo un par de canaíllas, caracolas mariñas das praias de Huelva. Vimos que eran pequeniñas, de cor branco e con moitos pinchos. Teremos que andar con coidado cada vez que visitemos o recanto dos caracois!

Hugo chegou cargado cos catro caracois protagonistas da película "Turbo", filme que tamén nos trouxo, pero que veremos este venres nunha sesión de cine moi especial. Ademais, ensinounos un embudo con forma de caracol. Algo teremos que facer con el na aula, a ver que se nos ocorre...

Alonso mostrounos os caracois de goma-eva que fixo coa súa irmá Sabela. Buscaron a manualidade na súa tablet, e alá se puxeron mans á obra! Mirade que bonitos!

Aroa compartiu con nós unhas caracolas que atopou coa súa nai na praia de Valarés. Menuda colección estamos montando!

Leila ensinounos esta preciosa manualidade que fixo coa axuda da súa mamá. Un caracol cunha cuncha formada por moitas máis cunchas de caracois! Encantounos!

Mario creou coa axuda da súa nai este panel de información sobre caracois... Grazas a el descubrimos que os caracois non teñen esqueleto, que os tentáculos máis pequenos úsanos para ulir ou que, ademais dos de terra e dos de mar, tamén existen caracois de río!

Ata aquí a información caracoleira de hoxe. Seguiremos informando!

Comentarios

  1. O recuncho dos caracoles vai quedar chulísimo con taantas cositas!!e que colabren co limpado do caracolario paréceme estupendo!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O recuncho está chulísimo, pero xa se nos queda pequeno. A profe xa se tivo que apropiar dunha das mesas do corredor para próximas aportacións 😂 E por suposto que teñen que limpar, se lles gustan tanto os caracois téñenos que coidar, e iso implica tratalos ben, darlles alimento, limpar o seu caracolario... 😊 Agora só nos queda perfeccionar a técnica de coller caracois e volvelos a deixar na terra porque ás veces non controlamos a nosa forza e a profe non sabe aínda como algún caracol segue vivo 🙈

      Eliminar
  2. Moito traballades!!!!van a ser uns expertos caracoleiros!😆

    ResponderEliminar

Publicar un comentario