CORES DE EXIPTO!

No día de hoxe, nada máis entrar na clase, descubrimos que os nosos pasaportes desapareceran. Será que os levou o "Señor do Tempo" para comprobar que todo estaba correcto? Estamos un pouquiño preocupados... 

O que si atopamos foi que a súa caixa estaba chea de globos de cores, 105 concretamente. Menuda ilusión cando ao contalos vimos que sobrepasábamos o número 100! Decidimos xogar con eles, así que o primeiro que tocaba facer era repartilos para que todos tivésemos o mesmo número de globos. Despois de 4 quendas, vimos que só quedan 9 e non podíamos repartir máis porque non chegaban para todos, xa que 9 é menor que 24. (Dividimos sen darnos nin conta!) 

Feito isto, descubrimos que con tódolos globos tiñamos que crear camiños exipcios, pero... Cales son as cores de Exipto? Observamos todos os libros que nos enviou o "Señor do Tempo", e as cores que nas portadas predominaban eran o branco, o amarelo, o vermello, o laranxa e o azul. Así pois, clasificamos os globos que cada un tiña, quedando con aqueles que se corresponden coas cores de Exipto e descartando os outros.

Aproveitamos para dar renda solta á nosa imaxinación, e tamén á nosa lóxica, e xogamos a pensar. Por que eran esas as cores de Exipto? Estas foron as nosas conclusións:

  • Branco: Pola tea que envolve o corpo da momia.
  • Vermello: Pola sangue das momias cando morren.
  • Amarelo: Pola area do deserto do Sáhara.
  • Azul: Pola auga do río Nilo.
  • Laranxa: Pola cor das pirámides.

Así pois, xa estaba todo listo para formar camiños exipcios, polo que comezamos a seriar! Branco-Vermello-Amarelo-Azul-Laranxa! E cando descubrimos que se acabaran os globos brancos? Pois Vermello-Amarelo-Azul-Laranxa! E cando quedamos sen globos amarelos? Pois Vermello-Laranxa-Azul! E ao rematar os laranxas? Pois Vermello-Azul? E ao quedar sen azuis? Pois Vermello-Vermello! Cando a profe preguntou de que cor había máis globos non tivemos dúbidas: vermello. O mesmo ocorreu cando preguntou de que cor había menos: branco.


Aquí nos podedes ver xunto a tódolos camiños exipcios que creamos seriando cooperativamente de 2 a 5 elementos! Fixémolo tan ben que o "Señor do Tempo" nos regalou un globo a cada un para que xogásemos nas nosas casas e nos acordásemos del tamén fóra do colexio!


Pero esta non foi a única misión do "Señor do Tempo". Tamén tivemos que resolver unha adiviña! A profe léunola en alto e non tivemos ningunha dúbida sobre a resposta: EXIPTO! Frase a frase fomos destacando as palabras máis importantes e entre todos escribímolas no encerado para logo buscalas na nosa adiviña e facer un debuxo alusivo. O noso novo amigo seguro que está moi contento co resultado porque nos esforzamos un montón e cada día melloramos as nosas pinturas!

Comentarios

  1. Por fin tuven o meu anaquiño e lin O blog por fin sei quen e o home do tempo bueno más q saber entendin a naia, tdS estés días con home do tempo non me enteraba, jajajajajajaj, rocío, xalo q dios vos dea paciencia e imaaxinacion e q nunca vos canse des de traballar así de ben cos nenos, sodes especiais, moitas gracias por ser así cos nosos nenos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Con nen@s tan participativ@s e motivad@s con todo o que propoñemos as ideas veñen soas e dá gusto facer calquera actividade 😊

      Eliminar
  2. A verdad que temos moita sorte cos profes dos nosos nenos!!,ese home do tempo tenos intrigadísimos jijiji tanto quita , como trae..pero en eso consiste o xogo...non pensei que Exipto pudera dar tanto xogo....pero estame gustando mooitooo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Exipto vai dar moito xogo, xa verás, imos estar todo o trimestre moi entretid@s entre pirámides, momias e xeroglíficos 😋

      Eliminar

Publicar un comentario