O SEÑOR DO TEMPO: CARTAS, LIBROS E PASAPORTES!

Esta mañá, nada máis entrar na nosa clase, atopámonos cunha agradable sorpresa: recibimos unha nova entrega do Señor do Tempo!


O primeiro que fixemos foi observar os materiais que nos deixou nunha caixiña e ler unha carta que dicía así:


Como non podía ser doutra maneira, aceptamos este novo reto e puxémonos mans á obra! O primeiro que nos pedía era averiguar máis sobre o Antigo Exipto, pero para facelo, antes de nada, debíamos comprobar o que xa sabemos desta civilización despois de botarlle un ollo a tódolos libros que nos enviou o Señor do Tempo. Aproveitamos tamén para rexistrar tódalas dúbidas que foron xurdindo conforme fomos falando en asemblea. Aquí podedes ver os resultados do noso "Que sabemos?" e "Que queremos saber?" sobre o Antigo Exipto:



Reunidos en asemblea, debatimos tamén a maneira de atopar nova información, tal e como nos pediu o Señor do Tempo. Foron varias as opcións que xurdiron: preguntarlle á profe Rocío e ao profe Xalo; falar con Enrique, o conserxe; buscar libros de Exipto na biblioteca; buscar vídeos no ordenador; e... traer cousas das nosas casas como fixemos cos caracois! Todas as opcións son válidas e, por suposto, levarémolas a cabo, pero esta última gustounos moito, e revolvendo na paquena caixa atopamos 24 cartas que xa completamos e levamos nas nosas axendas para que as familias nos boten unha man! Aquí vos mostramos a do noso encargado de hoxe:


O primeiro cometido estaba listo, así que decidimos ir polo segundo: comezar un libro de Exipto! Recordamos que a primeira páxina dun libro se chama "portada", así que animámonos a revolver na pequena caixa para ver se atopabamos algo que se parecese. E claro que o encontramos! Escribimos o noso nome, repasamos as letras que compoñían o título e decoramos un xeroglífico. A portada do noso libro estaba lista! Segunda misión conseguida!


Xa pola tarde, comezamos coa realización do último dos encargos: crear un pasaporte. Como ningún dos Pondaliñ@s sabía o significado desta palabra tivemos que preguntarlle á mestra para non quedar coa dúbida... A profe Rocío explicounos que é un documento, parecido a unha pequena libreta, que se usa para viaxar, xa que cada vez que visitamos un novo país recibimos un selo diferente. Algo parecido ocorrerá na nosa aula... Cada vez que superemos unha das probas do Señor do Tempo recibiremos un cuño exipcio. E sabedes que pasará se gañamos todos os selos? Unha gran sorpresa estará esperando por nós! Hoxe non nos dou tempo a rematar o noso pasaporte, aínda temos que crear a portada e facer máis colorido o seu interior, pero estamos seguros de que o Señor do Tempo o entenderá. Mañá darémoslle os últimos retoques e deixaremos tódolos encargos na antiga mesa dos caracois para que o noso novo amigo os vexa e nos regale o primeiro dos selos. Conseguirémolo? Seguro que si!


Aquí nos tedes en pleno traballo! (Por certo, se observades o encerado veredes algo novo... Neste trimestre comezaremos a identificar os diferentes elementos que compoñen a data e empezaremos a escribila durante as rutinas do encargado e tamén nalgúns dos nosos traballos de mesa). 

Comentarios

  1. Canto argallas profe,e gracias a tanto cavilar fas que os nenos veñan supermotivados cos novos proxectos. Na nosa casa xa temos Exipto como tema de conversación principal,imos aprender moito pequenos e maiores! Da gusto ver os Pondaliños en acción!Gracias por todo,xa imos poñer as cabezas a pensar para colaborar con este tema tan interesante.Feliz volta o cole!!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Á profe encántalle facer estas cousiñas, e moito máis lle gusta ver as súas caras cando aparece algo novo na aula! 😍 Alegrámonos moito de que Mario estea tan motivado con Exipto, tod@s imos aprender un montón neste trimestre! 👏👏👏

      Eliminar
  2. Que ben esta todo. Feliz volta o cole Rocio.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas gracias, alegrámonos de que vos guste o que facemos! 😊

      Eliminar
  3. pois si,cantas cousiñass,asi van de contentos,esperando a ver que sorpresa lles deparara ir o cole jijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, agora xa piden novos retos exipcios cada vez que chegan á clase. Moito vai ter que pensar este Señor do Tempo 😆😆😆

      Eliminar

Publicar un comentario