O SEÑOR DO TEMPO: ONDE ESTÁ EXIPTO?

Esta mañá, a nosa alfombra apareceu desta guisa... O Señor do Tempo tiña un novo encargo para nós! Utilizou a caixa que trouxo o noso compañeiro Roi para gardar moitas cousas no seu interior: un globo terráqueo, un mapa, unha bandeira e... os nosos pasaportes! Ademais, viña acompañado dunha nota que dicía así: "Os vosos pasaportes en regra están, mais se o primeiro selo queredes lograr, onde se atopa Exipto me tedes que contar". Así pois, a nosa nova misión é descubrir a localización desta gran civilización. Familias, se nos queredes botar unha man, xa sabedes que estamos máis que encantados de recibir calquera tipo de información na nosa aula!


Noa, a nosa encargada de hoxe, contounos que cos seus papás estivera buscando Exipto e Ponteceso nun globo terráqueo que ten na súa casa, e rapidamente identificou ambos lugares no noso. Así pois, decidimos poñer unha pequena estrela sobre Ponteceso e outra sobre Exipto para así contribuír na nova misión que nos puxo o Señor do Tempo.

Fixemos unha comparativa e descubrimos que Exipto se atopa máis préto de Ponteceso que o Polo Norte, o lugar no que vivían os esquimós que coñecemos o curso pasado. Tamén que Ponteceso se atopa máis ao norte (arriba) que Exipto, e que Exipto se atopa máis ao sur (abaixo) que Ponteceso. Aproveitamos este momento para pensar nos diferentes medios de transporte nos que podíamos viaxar a Exipto. Tiñamos claro o barco e o avión, pero poderíamos ir en coche ou en moto? Claro que si, tiñamos un camiño longo no que cruzamos tres continentes, pero tamén un moito máis curto, que foi o que máis nos gustou, xa que non sabíamos que existían grandes barcos chamados ferrys que levaban automóbiles no seu interior para pasalos dun continente a outro.

Así mesmo, aproveitamos o globo terráqueo e o mapa que nos enviou o Señor do Tempo para falar de planetas, continentes e países. Falamos e falamos, e chegamos á conclusión de que Exipto se atopa no planeta Terra e nun continente chamado África (agora temos que investigar se o caracol xigante africano vive en Exipto). Pola contra, aínda que Ponteceso tamén se atopa no planeta Terra, o noso continente é Europa e o noso país España. Aínda que estes sexan conceptos aínda moi abstractos para nós, a manipulación da bóla do mundo facilitounos moito esta aproximación á xeografía mundial.


Despois, falamos da bandeira exipcia, e das bandeiras en xeral, xa que si sabíamos que se colgaban de paus moi altos (chamados astas), pero non para que servían... Por suposto, coñecer este aspecto era clave para seguir avanzando na misión que nos propuxo o Señor do Tempo, e hoxe aprendemos que as bandeiras se utilizan, neste caso, para simbolizar un país. Así pois, cada vez que a vexamos, saberemos que esta está representando a Exipto. Grazas á información que nos proporcionou o Señor do Tempo, tamén sabemos que a súa cor vermella representa ao deserto do Sáhara, a cor branca ás raíñas e aos faraóns e a cor negra ao río Nilo. Estamos tan implicados neste proxecto que mirade de que se decatou o noso compañeiro Alejandro: na súa camiseta podiamos ver as cores da bandeira e Exipto!


Xa pola tarde, seguimos indagando no tema e vimos "El antiguo Egipto", un dos vídeos que nos trouxo a nosa encargada, no que aproveitamos para falar unha vez máis da localización de Exipto, e tamén para aprender novos aspectos sobre esta gran civilización!


Despois de tanto investigar, consideramos que xa estabamos máis que preparadas e preparados para facer a primeira das tarefas que nos encargou o Señor do Tempo: rexistrar de xeito escrito todo o aprendido no día de hoxe. Así pois, todos xuntos fomos "lendo" as peticións do noso novo amigo ("PLANETA", "CONTINENTE", "PAÍS"), enchendo os ocos baleiros coas respostas correctas, as cales fomos escribindo no encerado de maneira grupal. Aquí tedes a tarefa da nosa encargada:


SEGUIREMOS INFORMANDO!

Comentarios

  1. Onta o chegar a casa Roi foi buscar o noso globo terráqueo enseñarnos donde estaba Exipto,o noso globo terráqueo e dos que pinchando cun lápiz , d información ,do imno nacional, ahora uqe e ali, todo tipo de información, se o queres mandocho po cole jijiji

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Claro que si! Tráenolo que lle imos sacar moito partido! Moitas gracias! 👏👏👏

      Eliminar
  2. Alejandro foi o primeiro que contou o chegar a casa que a sua camiseta tiña a bandeira de exipto, quedanse con todo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. A verdade é que si, sorprendinme moito cando lles presentei a bandeira e el dixo que a tiña na súa camiseta e empezou a levantar mandilón e xersei para mostrárnola 😂😂😂

      Eliminar
    2. Eu nin conta me dera e repetiumo duas veces porque non lle entendia

      Eliminar
  3. Cantas cousas chulas van a aprender co tema de Exipto, encántame como van quitando as suas propias conclusións, e todo e que conta o chegar a casa😍

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Témolos a tod@s súper motivados co tema! A este paso Exipto desbanca aos caracois do trono de temáticas favoritas para os Pondaliñ@s 😂😂😂

      Eliminar

Publicar un comentario