COÑECEMOS AO CAPITÁN NEMO!

Esta tarde, ao volver do recreo, decatámonos de que o proxector estaba encendido e que na pantalla dixital podíamos ver a imaxe dun señor descoñecido. Ademais, un conto que non coñecíamos aparecera tamén sobre o noso ordenador... Non entendíamos demasiado ben o que estaba ocorrendo, pero por suposto, todo isto tiña que ser obra do Señor do Tempo. Algo de razón tiñamos, mais desta vez tocou coñecer a unha nova personaxe. Aquí vos presentamos ao Capitán Nemo, o comandante do submarino Nautilus! O seu amigo o Señor do Tempo comentoulle que estabamos aprendendo máis sobre os tiburóns e as estrelas de mar, e o Capitán Nemo pediunos axuda para retomar tódalas anotacións que perdera cando o seu caderno desapareceu na profundidade do mar. Mirade, mirade!


Despois de analizar o vídeo e, por suposto, aceptar o reto proposto, coñecemos un pouquiño máis da historia deste capitán grazas ao conto que el mesmo nos deixou. Titúlase "20000 leguas baixo dos mares", foi escrito por Xulio Verne e aquí tedes ao noso encargado con esta historia tan incrible:


Ademais, aproveitamos para coñecer tódalas aportacións que realizaron algunhas compañeiras e algúns compañeiros ao noso proxecto:

Noa ensinounos un conto titulado "A vella quenlla perde os dentes", e ela mesma nos resumiu esta historia, na que a un tiburón lle caen tódolos dentes por morder unha pedra. Este queda moi fraquiño por non poder comer nadiña, pero por sorte o polbo créalle unha dentadura moi especial... Mañá leremos a historia completa, mais hoxe xa aprendemos que quenlla é sinónimo de tiburón!

Xabi compartiu con nós esta figura de tiburón, e grazas a ela descubrimos que a pesar de ter as mesmas partes que outros tiburóns que temos na aula, este ten unha apariencia diferente. Conta cunhas manchiñas na súa pel moi similares ás dun tigre, e é por iso que ao tiburón que nos trouxo o noso compañeiro lle chaman así: tiburón tigre!

Claudia presentounos ao seu tiburón de peluche, que durme na súa cama tódolos días! Tan pronto como o vimos, decatámonos de algo: fáltanlle as branquias! Ademais, tróuxonos un conto sobre a historia de Nemo (o peixe pallaso, non o capitán!), e que tamén leremos os próximos días, xa que lle estivemos botando un ollo e vimos que nel aparecían mil e unha especies de animais mariños!

Brais mostrounos un gran peixe de cores que trouxo da súa casa, acompañado dun conto titulado "¡Al agua!", que xa lemos e no que recoñecemos diferentes animais mariños!

Lucía trouxo unha pistola de auga con forma de tiburón que proximamente utilizaremos no patio, xa que se a empregamos na aula poñemos todo perdido. Grazas a esta figura descubrimos unha parte moi importante dos tiburóns: a aleta dorsal! Ademais, ensinounos unha variña máxica con forma de estrela que nos permitiu reflexionar sobre as cores das estrelas de mar. Nós só vimos estrelas de cor laranxa, mais tódolos Pondaliñ@s cremos que estas poden ser de moitas cores. Estaremos no certo? Seguro que moi pronto o descubrimos!

Igualmente, queremos anunciar que xa estamos completamente inmersos na temática deste novo proxecto. Se no anterior trimestre víamos pirámides por todas partes, durante os próximos meses seguro que atopamos animais mariños en calquera lugar. Hoxe sorprendeunos a nosa compañeira Noa ao berro de: "Profe, unha estrela de mar na miña galleta!". Por suposto, todos os Pondaliñ@s quixemos dar fe deste feito e achegámonos a observar a súa galleta!


Ademais, aproveitamos para presentarvos algúns dos xogos que estamos realizando despois das rutinas do encargado. Xunto aos que xa mencionamos noutras entradas deste blog, quremos mostrarvos algún que aínda non coñecedes! Esta mañá o encargado de poñelos en práctica foi o noso compañeiro Roi!


Comezou rexistrando o seu nome e a data no noso pequeno encerado. Continuou descompoñendo o día de hoxe, o número 17, para así seguir adentrándonos no mundo das decenas. Despois de manipular as pezas, agrupalas e realizar a suma, representou o número 17 no ábaco. Seguidamente, o noso compañeiro compuxo o seu nome co noso quebracabezas de letras, tanto en maiúscula como en minúscula, e representouno graficamente en minúscula, xa que proximamente así o rexistraremos en papel. A continuación, todos xuntos creamos o acróstico do nome do encargado, isto é, a partir das letras do seu nome creamos palabras novas. Como Roi só ten tres letras, decidimos facer isto un par de veces. Pensamos en palabras que comezasen polas letras correspondentes, escollemos a elixida e a partir dos seus sons compuxemos pouquiño a pouco as seis palabras de hoxe: rei, oso, iglú, rádula, ola e iguana. Ademais, coa axuda da profe "lemos" as palabras máis sinxelas. Por último, o noso compañeiro ordenou os números do 0 ao 20. 

Por suposto, tódolos Pondaliñ@s son diferentes, e aínda que todos realicen estas actividades, sempre as adaptaremos ao seu nivel de madurez, e eles e elas utilizan as estratexias que mellor se adapten ao que xa saben. Sen présa pero sen pausa!

Iso si, isto non foi todo o que realizamos no día de hoxe. Despois da actuación do noso encargado, era a quenda dos demais Pondaliñ@s! Esta mañá a profe tróuxonos un montón de animais mariños e, por suposto, xa quixemos estrealos. Así pois, cada Pondaliñ@escolleu o seu animal, deulle nome para desta maneira ampliar o noso vocabulario, e a profe pediunos que colocásemos o noso animal nun número en concreto. E así o fixemos!


E este foi o resultado final! Bravo por nós!



Comentarios

  1. veu todo contento de ser encargado! e habera que axudar logo o capitán Nemo!! jijijiji van tan motivados,pa eles non e cole,e ir a divertirse , aprendendo calro !

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajajajaja, moitas gracias pola axuda! Estamos que non damos feito con todo o que lle queremos escribir ao Capitán Nemo con todo o que imos descubrindo cada vez que atopamos nova información! 😊😊😊

      Eliminar

Publicar un comentario