CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS A MAMÁ DE DANIELLA!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa biblioteca recibimos unha visita moi especial. Esta tarde estivo con nós Puri, a mamá da nosa compañeira Daniella.

Contounos a historia de "A cebra Camila", unha cebra que un bo día decide desobedecer á súa nai, e sae ao campo sen os seus calzóns e os seus tirantes. Sabedes que ocorre? Pois que o vento marchou coas súas raias! Dende ese momento a cebra emprende un camiño no que derrama sete bágoas, atopándose con sete animaliños que a axudarán a superar a súa pena regalándolle unha raia moi especial... Ademais, de volta a casa, a súa nai non lle riñe, entende que Camila se está facendo maior e non necesita daquela vestimenta axustada, mais o que sempre necesitará serán os consellos da súa mamá!


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento á mamá de Daniella, enchémola de bicos e achuchóns! Moitas grazas Puri, volve cando queiras!


Ademais, aproveitamos para comentarvos que xa estamos completamente inmersos no noso proxecto sobre os tiburóns e as estrelas de mar, e hoxe xa enviamos unha carta ás nosas familias para que nos boten unha man aportando distintos materiais á aula. Estamos desexando aprender máis e máis sobre estes animais! Aquí vos deixamos a carta que xa levou a nosa encargada de hoxe para a súa casa!


Iso si, algúns compañeiros aproveitaron a fin de semana para recompilar material incluso antes de escribir a carta. Mirade, mirade!


Alonso tróuxonos unha estrela de mar disecada que atopou a súa irmá Sabela na súa casa. Sabela visitou a nosa aula e explicounos que unha amiga da súa mamá a encontrara nunha rocha da praia e lla regalara ao noso compañeiro. Que útil nos será cando investiguemos sobre as partes do seu corpo! Polo momento observámola e tocámola: ten cinco brazos, buratiños, é distinta por enriba e por abaixo e é áspera. Seguro que moi pronto poderemos destacar outras características deste equinodermo!

Martina ensinounos unha estrela que creou coa súa mamá. A súa tiña seis brazos, e aí xurdiu a dúbida: Cantos brazos ten unha estrela de mar? Cinco ou seis? Pode ter máis? Pode ter menos? Xa temos algo sobre o que investigar!

Roi amosounos unha marioneta de tiburón que atopou esta fin de semana nunha tenda e que non se puido resistir a mercar. Desta vez observamos a cor do tiburón e xurdiron as primeiras dúbidas: Será un tiburón azul? Existen os tiburóns azuis? A algún Pondaliñ@ soáballe o nome pero non o podía afirmar ao cen por cen. Así que... Outra investigación en marcha! E así continuamos analizando as partes da súa cabeza: ollos, morro, boca, dentes... E que serían esas raias que víamos en ambos lados da súa faciana? Novas hipóteses xurdiron na aula: Son os oídos! Son os buraquiños polos que saen os sons que realizan! Son os buraquiños polos que respiran! Unha das tres hipóteses é correcta, pero para comprobalo necesitamos libros e/ou vídeos informativos que seguro que nos chegarán nos próximos días!

Comentarios

  1. cuidadin o dia e ir o acuario..creo que chevan asaltar o estanque jijijij

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Malo será, nas saídas sonche moi comedid@s 😂😂😂

      Eliminar

Publicar un comentario