CONTOS POR BICOS: VISÍTANOS O IRMÁN DE ROI!

No día de hoxe continuamos cos "Contos por bicos" e na nosa aula recibimos unha visita moi especial. Esta mañá estivo con nós Leo, o irmán maior do noso compañeiro Roi!

Contounos a historia de Marjorie, máis coñecida como "A vaca que puxo un ovo"! A nosa protagonista é unha vaquiña que quere facer algo diferente para destacar entre as demais vacas, que contaban con talentos moi dispares. A pobre Marjorie, triste e apenada, é axudada polas súas amigas as galiñas, as cales lle botan unha man con iso de poñer un ovo. Iso si, tan pronto como a noticia sae á luz e tódalas miradas se poñen sobre a nosa protagonista, as outras vacas, envexosas da popularidade de Marjorie, intentan demostrar que todo se trata dunha mentira. Mais o final desta historia deixou asombradas a tódalas personaxes deste conto, e a nós regalounos unhas sonoras gargalladas!


Ao rematar, como non podía ser doutra maneira, botamos un montón de foguetes para celebrar o moito que nos gustou esta historia. Por suposto, como agradecemento ao irmán de Roi, enchémolo de bicos e achuchóns! Moitas grazas Leo, volve cando queiras!


Ademais, aproveitamos para comentarvos un pouquiño do que fixemos a semana pasada. Xa que aínda que non subimos nada ao blog, temos algunha que outra novidade!

O mércores, mentres a mestra Rocío nos ía chamando para gravar a nosa parte do vídeo, quedamos na aula co profe Xalo, co que rematamos un novo quebracabezas do Antigo Exipto! Mirade, mirade!



O xoves aproveitamos para rematar uns traballiños que quedaran pendentes antes das vacacións, e o venres quixemos darlle a benvida á nova estación cuns debuxos moi especiais... 





Desta vez non tocaba debuxar nin colorear sobre folio, cartolina ou lenzo, senón que por primeira vez fixémolo sobre... SERVILLETAS! Si, si, o que escoitades... A profe non se volveu toliña, aínda que moitos o pensamos, senón que o que pretendía era favorecer a nosa concentración, regular a presión que exercemos co rotulador, desenvolver a nosa imaxinación e creatividade, etc., ao mesmo tempo que coñecíamos unha nova técnica artística: o puntillismo! Aproveitando os puntiños que tiñan as nosas servilletas, tiñamos como misión introducir esta técnica na nosa obra, e cada Pondaliñ@ escolleu de que maneira quería facelo. Iso si, algúns que primeiramente puntearon, decidiron que o seu debuxo quedaba moito mellor se o coloreaban, e así foi. Nalgunhas obras non queda nin rastro dos puntiños, ao fin e ao cabo, os artistas mandan nas súas obras!


E xa para rematar este resumo, anunciarvos tamén que no día de onte coñecemos unha nova integrante da familia real que goberna o noso País das Letras. Así pois, presentámosvos á princesa O!


Xa realizamos as primeiras actividades relacionadas co trazado desta letra, entre outras, unha das nosas favoritas: escribir no encerado da profe!

Comentarios

  1. Os debuxos quedaron chulisimos. A verdade e que tiñan razon os nenos de colorealos.

    ResponderEliminar
  2. Leo veu encantadissimoo !! sentiuse tan cheo de cariño!!,dixo que o abrazaron tanto que casi o tiran da silla,e que lle deron bicos de mil anooos jijiijiji sentiuse famoso jajajaja moitas gracias profe!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Jajajajaja, co ben que o fixo Leo non era para menos! 😍😍😍

      Eliminar

Publicar un comentario